Friday 10 de May de 2024

O IMCE súmase á Semana da Mobilidade cun programa de pasacalles nas novas rúas peonís


Santo André será o escenario do Día sen Coches

O Instituto Municipal Coruña Espectáculos, IMCE, súmase á Semana da Mobilidade cun programa de pasacalles que encherá de sons e cor as rúas que o concello peonalizou recentemente. Os pasacalles son unha pequena mostra da nova vida que cobran estas rúas que agora poden acoller novas actividades, formas de vida e dinámicas sociais que responden ao proxecto de cidade que quere desenvolver o Goberno local. O concello busca recuperar espazos para o goce da veciñanza e aposta por unha mobilidade vinculada aos novos espazos abertos que favorecen o encontro e a convivencia.
A Asociación Cultural Son D ́aquí será a encargada de abrir a xornada hoxe, ás 18.00 horas, na rúa Alcalde Marchesi, mentres que ás 20.00 horas será Xacarandaina quen leve os sons tradicionais á rúa de Catro Camiños.
A rúa Compostela celebrará mañá unha mobilidade pensada para as peoas e os peóns coa presenza de Cántigas da Terra ás 12.00 horas, da Asociación Cultural Donaire ás 18.00 horas e de Son D ́aquí ás 20.00 horas.
O domingo pola mañá chega a quenda da rúa Emilia Pardo Bazán, mentres que pola tarde a rúa Compostela volverá ser o escenario dos espectáculos das agrupacións culturais Coros e Danzas, Aturuxo e Son D ́aquí.
A rúa Santo André acollerá o Día sen Coches con máis pasacalles desde as 16.30 até as 19.30 horas. Ademais, as e os comerciantes poderán saír á rúa para lles daren visibilidade aos seus produtos, como unha maneira para impulsaren o comercio local.
Durante toda a semana, o concello participará en distintas actividades no marco da Semana Europa da Mobilidade, que este ano se desenvolve baixo o lema ‘Por unha mobilidade sen emisións”. Entre elas figura o foro “La movilidad que necesitamos”, que organiza a Mesa pola Mobilidade Sustentable o luns ás 17.00 horas nos Cantóns e que contará coa presenza do director da Dirección Xeral de Tráfico, DXT, Pere Navarro.
Doutra banda, a Asociación Stop Accidentes inaugurará a exposición “Peatón no atravieses tu vida”. A mostra, que estará aberta ao público na Estación de Autobuses, recolle imaxes que chaman a concienciar e alertar sobre a seguridade viaria e sobre como o desenvolvemento urbano inflúe na conduta e mobilidade das persoas. A entidade tamén organiza o luns, ás entradas dos colexios Franciscanos e Sal Lence, un Parking Day, co fin de que as familias reflexiones sobre o uso irracional do coche.
PROGRAMA DOS PASACALLES
Venres 18
18.00 horas. Rúa Alcalde Marchesi. ASOCIACIÓN CULTURAL SON D’AQUÍ
20.00 horas. Rúa Alcalde Marchesi. ASOCIACIÓN CULTURAL XACARANDAINA

Sábado 19
12.00 horas. Rúa Compostela. CÁNTIGAS DA TERRA
18.00 horas. Rúa Compostela. ASOCIACIÓN CULTURAL DONAIRE

Nota de Prensa

20.00 horas. Rúa Compostela. ASOCIACIÓN CULTURAL SON D’AQUÍ
Domingo 20
12.00 horas. Rúa Emilia Pardo Bazán. ASOCIACIÓN DE COROS E DANZAS
EIDOS
12.00 horas. Rúa Compostela. AGRUPACIÓN FOLCLÓRICA ATURUXO
18.00 horas. Compostela. ASOCIACIÓN CULTURAL SON D’AQUÍ
20.00 horas. Rúa Compostela. ASOCIACIÓN DE COROS E DANZAS EIDOS
Martes 22
16.30 horas. Rúa Santo André. OS VIQUEIRAS, GAITEIROS E CABEZUDOS
17.00 horas Rúa Santo André. AGRUPACIÓN FOLCLÓRICA GAITEIRIÑOS
18.00 horas. Rúa Santo André. ASOCIACIÓN CULTURAL DONAIRE
18.30 horas. Rúa Santo André. PASACALLE MODERNISTA
19.30 horas. Rúa Santo André. ASOCIACIÓN DE COROS E DANZAS EIDOS